Presente. Reiterar a dúbida de verme perdida nesta viaxe. Eu tamén creo que te quero para sempre. Poñer condicións pode aclarar, pode constatar a esixencia. As promesas ainda non foron emitidas. O amor só entende promesas. Espero manter as coordenadas que me están permitindo amarte. Estructuralismo. Penso no futuro; véxoo contigo. Proxectarse. Ámote dun amor incontestábel. Saber levar a falta de drama ata o final da existencia provoca a aparición de seres que non teñen medo a amar. Porque amar é a resposta. A grande resposta. Non accedemos senón a un presente eterno. Unha visión realista. A eternidade do presente.
Crear algo novo. Vangarda. Desde os 60 os cacharros produciron música electrónica. Cal é a nosa marca de identidade? Pois mesturar inglés con galego. Tocar mal o piano pero que soe ben. E facer letras sobre o noso mundo que non deixa de ser singular. Tamén incluiremos ruido electrónico con sintetizadores. Diso encárgome eu. Mesturar estilos. Produtos que son froito dunha asimilación diversa. Orixes diferentes. A unidade resultante como resposta a influencias heteroxéneas. A necesidade de crear desde os eus. Xa son unha banda. Sentimento común. Cal será o nome? Eu digo unha palabra e ti outra. Ok? Ok. The. End. Si! The end. Xuntos ata o final.
Comentarios
Publicar un comentario